Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

De ceros a uns

Blog de tendencias dixitais
Sobre o blog  

Onde comen dous comen tres?

Se pregunto por tres das empresas tecnolóxicas máis importantes do mundo, seguro que vos veñen á cabeza Oracle, IBM ou Cisco. Ben, igual escolledes Intel, SAP e HP. Ou, se prescindimos do mundo occidental, entón a elección sería con toda certeza Samsung, Baidu e NTT Docomo. Fóra bromas, a selección que fariades seguramente inclúe Google, Microsoft, Apple, Amazon ou Facebook, non?

Curiosamente, aínda que todas tiveron un obxectivo de negocio inicial distinto, agora parecen competir rabiosamente entre elas. E podería parecernos que os contidos son o campo de batalla, pero non é así; pouco lles importa a estas empresas desenvolver contidos dixitais ou analóxicos. En realidade, son outros os campos de batalla.

En xeral, poderiamos establecer tres grandes mercados onde estas compañías loitan en maior ou menor medida: hardware, software e servizos web. Apple é o exemplo de empresa fabricante de hardware, Microsoft é a que desenvolve principalmente software e Google é a que ofrece numerosos servizos web. Por suposto, estamos xeneralizando xa que Apple tamén ofrece software, Microsoft proporciona servizos web e Google comeza a licenciar hardware co seu nome. Pero, ademais, Apple tamén fai os seus pinitos cos servizos web, Microsoft ábrese camiño co hardware desde hai tempo e Google comeza a distribuír o seu propio software personalizado.

Tamén Facebook ou Amazon tonteanen campos alleos aos seus negocios iniciais e é que o fin parece estar cada vez máis claro: centralizar os medios de control para chegar a ser quen proporcione todos os contidos. Serán aqueles que teñan o hardware, o software e os mellores servizos web os que dominarán o mercado? Será se nós queremos… ou tamén o serán por riba das nosas decisións ou as nosas preferencias?

Aínda queda moita loita por centralizar, controlar e distribuír, pero parece que a ninguén lle importa a creación. Talvez ese sexa un mercado moito máis aberto. Mesmo pode que sexa o único espazo onde nós teñamos cabida e, ao final, só nos quedará escoller en que tenderete imos vender e como (se podemos!). Será interesante ver como vai evolucionando esta guerra e que novos ocos van quedando para as empresas que están por chegar. Serán benvidas!

A loita, por suposto, aínda non está no seu mellor momento. A balanza non se inclinou e non hai nada decidido. Queda espazo para novos xogadores pero ollo, porque, como di meu pai, onde comen tres, catro pasan fame.

Vivimos na era das aplicacións

Houbo unha época na que a importancia que lles dabamos aos nosos propios datos era superior á dos programas cos que os produciamos. Escribiamos, debuxabamos, compoñiamos… Hoxe xa non é así. A invasión das aplicacións para todo tipo de usos e abusos e a chegada dos programas deseñados para a web e os dispositivos móbiles supera a nosa capacidade de creación; agora, a nosa preocupación repártese entre coñecer cal é a última versión do noso programa favorito ou saber se saíu algún outro que o supere e probalo… incluso cando realmente non exista tal mellora.

Poderiamos sinalar algúns dos factores polos que xa non lles prestamos tanta atención ás nosas producións:

  • Nalgúns casos, será porque xa non as temos con nós. A información gárdase por algún centro de datos nalgún lugar do mundo e non na nosa propia computadora. Descargar esta información non é a nosa prioridade mentres poidamos acceder a ela desde calquera punto con conexión a Internet.
  • Noutros casos, as producións non son nosas. Non só porque a aplicación se apropie do noso traballo cando aceptamos a súa licenza de uso senón que incluso non podemos acceder ás nosas propias creacións e é o propietario do programa quen xestiona os seus usos.
  • E para que enganarnos? Estamos deixando de producir contido orixinal propio. Adaptar, modificar, combinar… o traballo doutros, ou simplemente copiar, é preferible a inventar e a crear. A dixitalización da información permítenos levar isto a cotas inimaxinables e, ademais, é moito máis rápido e cómodo.

A lei do mínimo esforzo non invade só a nosa vida analóxica, na vida dixital faise forte e multiplícase alí onde pode. Ben é certo que na web parece que cada día aumentan exponencialmente os contidos pero… realmente son contidos propios e orixinais? Até que punto estamos contribuíndo con novas creacións ou simplemente recauchutando material xa refeito? Será que xa está todo inventado ou que a mediocridade campa ás súas anchas, sen límite e sen que a ninguén lle importe?

Non creo que esta situación teña unha explicación moi afastada da socialización que implica o achegamento ás persoas de calquera tecnoloxía. Pode que a nosa sociedade estea condenada a banalizar calquera innovación e que nunca sexamos capaces de manter certo estado de calidade en determinadas áreas. A min realmente pouco me importa e, de feito, penso que é o mellor. Para nós e para a tecnoloxía.

Se tivese que escoller entre centos de presentacións con fotografías de fervenzas, mensaxes paulocoelhianas e música andina ou un único vídeoclip interactivo espectacular, teño ben claro que prefiro centos de persoas creando produtos dixitais de consumo rápido á só tres gurús posmodernos carentes do seu entusiasmo.

Que no noso país teñamos ducias de centros onde aprender a programar, con e sen titulación oficial, debería ter o seu reflexo no desenvolvemento e na presenza de numerosas aplicacións no mercado. Iso non é así ou, polo menos, non parece que teñamos a notoriedade que nos correspondería. Pero esta historia contarémola outro día.

Pinterest: a rede social de moda

                                 

Desde hai xa uns meses non fago outra cousa que escoitar falar de Pinterest, unha rede social que está a arrasar nos Estados Unidos e que, como xa pasou con Twitter e con Facebook, non ha tardar en cruzar o charco e popularizarse en Europa.

En febreiro de 2011 tiña 173.492 visitantes únicos e ao cabo dun ano acadou a incríbel cifra de 16.230.441. O gordo deste crecemento concéntrase desde o último setembro, cun suba do redor de 15 millóns de visitas.

Cuns 12 millóns de usuarios activos, Pinterest gañouse un posto na lista dos 50 mellores sitios web da revista Time e está a marcar tendencia nestes primeiros meses de 2012.

PERO DE QUE VAI PINTEREST?

Poderiamos definila coma un taboleiro social. Cada usuario sobe fotografías ou vídeos que clasifica por temas.

O universo social de Pinterest baséase neses taboleiros temáticos, que poden ser colaborativos e aos que te podes subscribir. Algún medio, como o Wall Street Journal xa o utilizou para compartir galerías fotográficas dun determinado evento, neste caso a New York Fashion Week

As imaxes e vídeos de Pinterest poden estar tiradas doutros sitios ou subidas polo propio usuario e, ao igual que noutras redes moi populares, tes a posibilidade de facer “repin” e compartir cos teus contactos contidointeresante que viches na rede.

                   

Un aspecto que está moi traballado en Pinterest é a integración con outras redes sociais, permitindo rexistrarte coas túas contas de Twitter ou de Facebook e compartir nelas as túas actualizacións.

De momento, o único xeito de te rexistrares é a través dun convite dun usuario ou solicitándolle acceso á propia rede. De calquera xeito non semella moi difícil entrar xa que non hai límite no número de invitacións que poden mandar as persoas rexistradas.

QUEN ESTÁ AÍ E DE QUE FALAN?

O público desta rede é maioritariamente feminino. Mashable fíxose eco dunha infografía  feita en base a datos de Comscore na que se revela que preto do 70% de usuarios desta rede son mulleres.

Por este motivo, Pinterest xa se converteu nunha das principais fontes de tráfico para moitas revistas orientadas ao público feminino. Do mesmo xeito, estase a tornar nun suculento espazo para aquelas marcas que ofrecen produtos destinados a mulleres e que queren explorar novas vías de marketing.

No referido aos temas, e todo segundo datos de AppData que difunde Mashable, o Top 5 é o seguinte:

  1. Fogar (17,2%)
  2. Arte (12,4%)
  3. Estilo/Moda (11,7%)
  4. Comida (10,5%)
  5. Inspiración/Educación (9,0%) 

Como vemos, é unha rede que está a atopar moita máis aceptación entre as que as mulleres que os homes, pero haberá que estar pendente de estes datos varían co tempo e se se abre a unha maior variedade de temas a medida que a comunidade vaia medrando.

E ti? Xa estás en Pinterest? Cóntanos a túa experiencia! Se aínda estás buscando un convite, ponte en contacto connosco e mandámosche un sen ningún problema.

Futuro móbil, futuro verde?

“A transformación de átomos a bits é irreparable”, afirmaba en 1995 Nicholas Negroponte, na súa obra Being Digital, na que trataba de anticipar moitos dos cambios dun futuro dixital. Hoxe, que estamos nese presente dixital, podemos dicir que ademais de dixitais o presente e o futuro son tamén “móbiles”. Iso venos a dicir o Mobile World Congress 2012, o evento sobre tecnoloxía móbil máis importante do mundo que tivo lugar durante estes días na Fira de Barcelona.

Na cidade condal déronse cita as compañías líderes no sector das comunicacións e da informática para presentar as súas novidades e debuxar o futuro máis inmediato, permitindo facerse unha idea de cara onde camiña o sector.

Se houbo un color protagonista, ese foi o verde, o verde do boneco de Android que se podía ver por todas partes. O sistema operativo de Google parece chegar e marchar do evento como o gran triunfador do momento. As cifras falan: 850.000 activacións de aparatos ao día, mil millóns de aplicacións descargadas ao mes e un gran numero de aparatos nos últimos meses pensados para Android por parte de Samsung, HTC e outros fabricantes. Andy Rubin, máximo responsable do sistema operativo de Google debatiu cun grupo de periodistas internacionais sobre o futuro do mesmo insistindo na idea que a compañía cree nun ecosistema aberto. Falou tamén da seguinte fronteira unha vez establecidos en tabletas e teléfonos, na era postPC: o das vivendas.  Meter Android nos fogares, para liderar con moito maxín unha industria de intelixencia para a casa.

Se o sistema de Google é considerado por moitos como o triunfador do momento, podemos pensar que é en parte en perxuicio de Intel e Windows que gozaron de pouco protagonismo sobre todo nos primeiros días (ademáis da ausencia de Apple, con outra estratexia de márketing). Pero, quizáis para contrarrestalo, e aínda que non funcionará para móbiles, Microsoft aproveitou a xornada do mércores para presentar a nova versión do seu sistema operativo para tabletas e ordenadores. O Windows 8 supón un cambio revolucionario respecto ao anterior e semella ser pensado coa lóxica da tecnoloxía táctil. Cunha nova interfaz dividida en catro cadrados, segundo dixo Steven Sinofsky, presidente de Windows, “será fácil para todos. Toda a actividade se verá dunha ollada. Bonito, rápido e para dar unha experiencia fluída”. A súa versión preliminar xa se pode descargar e instalar.

Volvendo ao móbil tanto Intel como Windows están lonxe dos seus competidores e a maioría dos fabricantes de dispositivos prefiren chegar a acordos con Android por ser unha plataforma aberta e apostar por outros fabricantes de procesadores como Qualcomm o Nvidia. Microsoft fai a súa aposta no eido do móbil da man de Nokia , e Intel non escatima esforzos tentando ser alguén no mundo da telefonía e con acordos con Orange e buscando socios como o fabricante chino ZTE, promete procesadores que fagan posible aparatos moi potentes. Potentes e accesibles “para vivir –en palabras de Paul Otellini, conselleiro delegado de Intel-, una nova revolución”.

I é que, nesta liña, unha das tendencias é a dos smartphones de baixo custo, máis aló dos terminais estrela de cada marca. Os mercados emerxentes demandan aparatos low cost para o avance da telefonía móbil neses países onde esta se populariza máis aló do que o fai calquer servizo básico. E ningunha compañía quere pasar por alto esa oportunidade de negocio. Así, moitas das miradas están postas alí.

En xeral máis anuncios que grandes sorpresas. Algunhas novidades (por exemplo, teléfonos resistentes ao auga, o Eluga de Panasonic) e sobre todo tendencias: procesadores de catro núcleos, conexións de alta velocidade (4G) ou o Android 4.0. 

O MWC 2012 pechou en Barcelona a edición máis concorrida ata o de agora. 67.000 asistentes. A cidade será a sede do evento polo menos durante os próximos seis anos e quere converterse nunha urbe de referencia para o sector. Despois dos temores nas semanas previas a unha folga de transporte que ameazaba con paralizar a capital catalana durante o congreso, na xornada do mércores chegaron ata as portas da Fira as protestas polos recortes en materia social.

Moitos dos asistentes intentaban en vano abrirse paso entre un cordón de Mossos de Esquadra que blindaban o acceso principal ao recinto. Pero todo quedou nunha anéctoda nun congreso que o seu presidente valora coma un éxito en tódolos sentidos. 67.000 asistentes e máis de 300 millóns de euros que quedaron na cidade ao longo de catro días de MWC.

Calquera tempo futuro será mellor

Hoxe temos unha mocidade que non coñece outra cousa distinta da banda ancha, ignora o que eran os politonos e nunca usaron outra pantalla que non fose plana. E non sabe o que é agardar media hora a que cargue un xogo, pensa que o son dixital sempre estivo en formato mp3 e que o tubo de raios catódicos era un artiluxio de reis nos tempos de Cristobal Colón. E así debe ser.

A información que se almacena nas unidades ópticas non funciona como podería predicir a lóxica: se os datos informáticos se gardan con ceros e uns, poderiamos facer un oco nos discos para sinalar a existencia ou non dese bit. Pero non é así, os CDs, DVDs e BluRays representan a información cos cambios da superficie na que actúa o láser. E así debe ser.

Este blogue vai intentar falar de tendencias dixitais. De como van ser as cousas no futuro e, en ocasións, por contraposición a como foron no pasado. Probablemente ese lastre do coñecido faga que a miúdo non vexamos o que está por vir, unhas veces por non pensar con lóxica e outras veces por fantasear de máis. E así debe ser.

Pero este non é un espazo de morriñas de 8 bits. Tampouco é un lugar de erudicións de wikipedia. E moito menos un oráculo de futuribles. Falaremos das cousas que foron, que son e que serán. Comentaremos o que se leva e, se cadra, como funciona. Debateremos sobre as cousas que haberá que lembrar ou esquecer de inmediato. E así trataremos que sexa.

E se ademais conseguimos entrar en conversa contigo, entón xa será un luxo!